🎉 Anunciamos con ilusión o lanzamento da nova edición de +Visibles – Violencia: Visibilidade e Transformación Colectiva (2025-2026), un programa integral de prevención, atención e visibilización das violencias específicas que sofren as lesbianas*, bisexuais, trans, intersex e persoas NB en Galicia.
Este proxecto ofrece apoio psicolóxico e asesoramento xurídico especializado e incorpora como novidade un mapeo participativo das vivencias e necesidades das lesbianas vítimas de violencia de xénero*, co obxectivo de identificar obstáculos, recoller experiencias invisibilizadas e xerar propostas útiles para mellorar os recursos e respostas institucionais.
Un ano máis, tamén impulsaremos un espazo de visibilidade cultural e política: o II Festival cultural “Bolleras, viciosas, travestis e marimachas: xa non temos medo, temos machadas”, no marco do Día da Visibilidade Lésbica. Será un lugar para o encontro, a celebración e a transformación colectiva a través da arte, a música, a performance e a palabra.
📌 Este programa está financiado pola Eurocentralasian Lesbian Community (EL*C) co apoio da Unión Europea.
👉 Con máis tempo, experiencia e recursos, seguimos construíndo un camiño común: máis visibles, menos violencia.