miércoles, 8 de abril de 2015

Campaña Vota Rosa, eleccións municipais Vigo 2015


Falta moi pouco para as elección municipais, falta moi pouco para decidir quen gobernará no Concello de Vigo durante os próximos anos.

Nós Mesmas, unha vez máis, comeza a súa campaña Vota Rosa e aporta a todos os partidos políticos unha serie de premisas necesarias para superar as barreiras da discriminación. Un documento de mínimos, porque é de mínimos demandar, como cidadás, os mesmos dereitos para todas e todos, unha igualdade xusta, unha igualdade real.

Os partidos políticos deben ter presente que o colectivo LGTBI valorará e dará prioridade ás propostas que se encamiñen a superar as barreiras que sufrimos e así mellorar a situación de desigualdade na que vivimos, porque as nosas vidas non poden seguir marcadas por tabús, discriminacións e agresións cotiás. E por isto, que valoraremos o seu compromiso coa liberdade e a igualdade para superar os problemas que actualmente vivimos as persoas LGTBI na nosa localidade.

Nós Mesmas quere deixar como aclaración, que estas non son as nosas demandas, son as demandas de centos de nenas e nenos, mulleres e homes, que hoxe, non se atopan representados na educación, que hoxe, reciben insultos nos patios das escolas, que hoxe, están discriminados do empleo pola súa identidade, que hoxe, sufren agresións e acoso por bicar a súa parella en público. Con esta aclaración queremos dicir que estas eleccións, non son unha exame que aprovar ou suspender con nota, son un compromiso que deberán ter presente en todas as políticas que elaboren, xa que esta transversalización  é indispensable para camiñar cara a normalización da realidade LGTBI na sociedade. 

Os compromisos demostranse con feitos, as boas palabras non son dabondo.


Dende Nós Mesmas enfocamos está campaña abordando a diversidade de partidos que presentaránse na nosa cidade. Actualmente seguimos contactando e establecendo reunións cos partidos que queren atendernos, outros simplemente nos facilitan o seu email. 

En posteriores post, actualizaremos as xuntanzas que teremos cos diferentes partidos e cales foron as nosas impresións.

Agradecémosvos que nos comentedes calquera cousa sobre os nosas propostas.

0 comentarios: