martes, 3 de marzo de 2015

8 Marzo XUNTAS NUNHA MESMA LOITA


MANIFESTO 8 DE MARZO

Milleiros en todo o mundo manifestámonos, afirmamos, reivindicamos, ao redor desta data, o noso compromiso coa radical idea de que as mulleres, as nenas, as mozas, somos persoas. Eis o ideario do feminismo defendido en todas partes do planeta. Eis o que temos que defender todos os días, a todas horas, as mulleres, as máis novas e as de idade: a nosa condición, de persoas con dereitos.

De novo ocupamos xuntas as rúas, para amosar que seguimos e seguiremos unidas na loita polos nosos dereitos, para acadar plena autonomía e liberdade, para conseguir unha cidadanía que non teña que ver coas imposicións normativas ou cos estereotipos que actualmente nos encorsetan. 

De novo queren negarnos a nosa condición de persoas. Así o lexislan na reforma da lei do aborto onde as mulleres máis novas, mozas de 16 e 17 anos, son condeadas a vivir baixo a ameaza dunha maternidade imposta.

Xuntas, denunciamos que nos últimos 5 anos se perderon en Galiza 50.900 postos de traballo ocupados por mulleres. As mulleres máis novas viven condenadas a construirem o seu proxecto de vida coa saída da emigración ou a precariedade laboral.

Tamén xuntas, denunciamos  a progresiva privatización e os recortes nos servizos públicos: sanidade, educación, servizos sociais, atención á dependencia... Estes servizos públicos viñan ata agora funcionando como un amortiguador do desigual reparto das responsabilidades familiares e dos coidados. E estes servizos eran, ata agora, unha mínima garantía de igualdade laboral para as mulleres, que retrocede coa privatización.

Xuntas denunciamos as reformas educativas, privatizadoras e sexistas, que nos apartan do obxectivo da coedución, e xuntas reivindicamos o dereito a recibir unha educación afectivo sexual que abra ás novas xeracións a un futuro de igualdade, e combata as raíces da violencia machista.

O patriarcado galopa por toda Europa, avanza da man das políticas do austericidio da Troika. Pero tamén, en toda Europa, as mulleres resistimos e defendemos o noso dereito a ser persoas, aínda que moitas cada ano perdan por iso a vida, a mans do machismo que segue matando, violando, agredindo, humillando... aínda que a nosa rebeldía é imparable. 

Somos conscientes de que os cambios impulsados e as vitorias logradas polo movemento feminista, están sendo atacados polas forzas reaccionarias e o poder financeiro. O patriarcado e o seu grande aliado, o capitalismo, querenos submisas, explotadas e pobres. Agora é máis importante que nunca a nosa unión.

Pratiquemos logo a sororidade, a fraternidade entre todas nós, e fortalezamos as alianzas co resto da cidadanía activa nos procesos de cambio que precisamos. Uns cambios que non poden construírse de costas aos dereitos das mulleres, sen a  participación do 51% da poboación.

Feminismo para avanzar! Xuntas nunha mesma loita! 


0 comentarios: