jueves, 3 de junio de 2021

Faladoiro con María Reimóndez sobre o libro Cobiza


 

María Reimóndez, muller activista, feminista, cooperante, comprometida coa terra, implicada coas persoas. No pasado mes de febreiro o seu libro Cobiza conseguiu o “1º Premio Literario Pinto e Maragota” do presente ano.

 

Elixir este libro como un dos actos protagonistas do Orgullo Crítico LGTBI+ 2021 foi un acto premeditado, feito a conciencia e con moita satisfacción persoal. Este acto está organizado pola Asociación Nós Mesmas e a Asociación Mulleres e Palabras e convidamos a quen queira participar a que se achegue ao MARCO o vindeiro 15 de xuño, ás 19:30h. As prazas serán limitadas ata completar aforo.

 

ENTREVISTA A MARÍA REIMÓNDEZ:

María, unha das formas que tes na loita contra as desigualdades é a túa

escrita, poderosa escrita que nos fai reflexionar sobre o presente, pero que nos amosa tamén un futuro cruel que temos que modificar entre todas as persoas. En Cobiza aparecen moitos personaxes, onde sempre podemos atopar similitudes persoais, e recolle, de forma contundente, as desigualdades actuais fomentadas polo capitalismo e o patriarcado.

-Para nós como lectoras é marabilloso o teu compromiso coa escrita pero e a ti, como xurde a implicación da escrita coas desigualdades? Fáiseche cómodo abordar estes temas nos teus libros ?


A escrita forma parte da vida, é un xeito de participar da vida colectiva como tantos outros (o traballo, os coidados, a presenza física...), polo tanto no meu caso, dado que a miña vida xira ao redor da reflexión e da acción con respecto a múltiples desigualdades, escribir deste xeito é só unha manifestación máis dese modo de vida. Creo firmemente que toda escrita é comprometida, o que pasa é que aquela que é comprometida co poder (patriarcal, cisheterosexual, branco, de clase media-alta, capacitista...) se presenta como “neutra” e a escrita que sacha na leira común no sentido contrario tende a presentarse como de menor calidade, “ideolóxica”, mesmo panfletaria. Esa dicotomía tan perniciosa é algo que procuro desmontar con cada texto que escribo.

-Vivimos nun momento onde os fascismos parece que queren rexurdir, un momento complicado, sobre todo porque parece que parte da cidadanía non é consciente do que pode suceder se non actuamos organizadamente. Moita xente pensa que o tema das desigualdades a nós non nos afecta ignorando as nosas iguais e semellantes, é fácil mirar para o outro lado mentres non afecte a miña contorna. No libro afrontas as desigualdades dun xeito colectivo, todo vale para que os dominantes manteñan o poder. Como podemos inverter esta ecuación ?

Non creo que eu teña unha resposta total a esta pregunta, quitando que en todo momento histórico hai sempre un tirapuxa entre quen constrúe e quen destrúe (ou entre o poder e o contrapoder, que diría Foucault). O importante é pensar de que lado nos poñemos cada día dende os actos máis pequenos no individual e sempre sachar en colectivo. O avance da extrema dereita é unha realidade que se fomenta sobre todo no discurso, por iso a escrita (literaria e de todo tipo) é tan importante. Non podemos permitir que sexan eles quen marquen as nosas prioridades políticas, os temas de debate e moito menos dar espazo a discursos abertamente racistas, xenófobos, tránsfobos, machistas... Mais, ao final, se eses discursos se toleran é porque non estamos indo á súa raíz. E a raíz é moito máis complexa ca a superficie porque implica que cada persoa e cada comunidade se teña que estar avaliando de forma crítica de xeito constante. Por dar algúns exemplos, no nacionalismo galego, do que me considero parte, hai unha necesidade urxente de revisar, xa non só o discurso patriarcal adquirido, senón tamén a visión acrítica que temos de sermos un “pobo oprimido” sen preguntar a quen oprimimos nós. Igualmente, dende os movementos LGBT occidentais por veces as reflexións teñen unha forte base colonial (somos nós quen imos iluminar a outras, cando o certo é que en todos os demais continentes a diversidade sexual e de xénero era a base social antes da colonización), ou tampouco se cuestionan ideas de “normalidade” que son problemáticas (a monogamia, as estruturas familiares, as inclusións e exclusións de certas categorías). Fronte a todo isto, eu parto dunha ética e pedagoxía feminista, que consiste en non conformarse con analizar a opresión, senón que busca analizar o privilexio que todas as persoas temos. E a partir de aí, darlle a volta, interrogar: que podo facer co privilexio que teño para o ben común? No meu caso, isto é algo que impulsa o privilexio que teño á hora de usar a voz pública como escritora.

-Aparte da calidade literaria a que nos tes acostumadas, entendemos que Cobiza é unha contribución moi importante á túa reflexión sobre a construción do sexo e do xénero, das novas identidades, das orientacións sexuais, dos coidados da terra, dos coidados ás persoas. Pensas que estes conceptos están chegando a cidadanía dun xeito natural? Non é máis fácil aplicar os sentimentos como ferramenta de traballo en contra das manipulacións das estruturas de poder?

Cobiza é un intento de tratar certas cuestións de forma complexa e interconectada. O que busca é provocar unha reflexión a partir da incomodidade (neste caso presentarnos un distópico mundo potencial se seguimos co rumbo que imos). Sempre digo que a incomodidade é o maior motor de cambio, porque só quen está incómoda ten interese en moverse e cambiar as cousas. Por iso escribo dende esa base. O que non concibo é unha separación da reflexión e da emocionalidade. Creo que esas separacións só son posibles na mente patriarcal occidental, tan influída polo cristianismo co seu afán de separar mente (elevada/masculina/branca) e corpo (sucio/feminino/racializado). Na escrita a reflexión e a emoción sempre van da man, por iso é unha ferramenta importante (como calquera ficción: o cinema, o teatro, os videoxogos, a danza...) para que a cidadanía reflexione e atope alternativas.

-Pensas que conquistar as diferentes igualdades reais no mundo realmente é unha novela de ciencia ficción ?

Non, é unha novela que escribimos cada día.

Grazas María, por ser, por estar, por participar nesa loita precisa que é a nosa.

Moitas grazas.

0 comentarios: