martes, 6 de julio de 2021

Xustiza para Samuel

MANIFESTO CONCENTRACIÓN 5 DE XULLO 

XUSTIZA PARA SAMUEL

Fotografía na concentración de Vigo de AlberteBello

O pasado sábado ás 3 da madrugada un grupo de salvaxes deulle unha malleira ata a morte a Samuel na Coruña. Asasinárono brutalmente. Aínda que estamos agardando a que as investigacións avancen, non podemos ficar calades fronte á morte dunhe des noses.

Samuel era un mozo gay de 24 anos. Podería ter sido eu, poderías ter sido ti, ou calquera das persoas do colectivo LGBTIQ.

Tamén hai apenas unha semana, bateron nunha parella de homes nas rúas da Coruña e de non ser pola veciñanza, a malleira puido ir a máis.

Menos de 24 horas despois do asasinato de Samuel, tivo lugar en Compostela unha agresión a unha muller trans, agresión que podería ter rematado do mesmo xeito de non ser, de novo, pola intervención dunhas veciñas que a presenciaron e decidiron tomar parte.

Todo isto sen esquecer todas as atrocidades que sufreu o colectivo dende o comezo dos tempos; dende agresións e torturas a persoas en específico até os campos de concentración LGTBIQ, demandamos poñerlle fin á violencia.

A pesar do grande número de delitos de odio cara ao colectivo, estes vense invisibilizados pola nube de eufemismos e palabras tabú dos medios de comunicación, aos cales lles pregamos unha maior implicación na visibilización deste tipo de delitos.

Hoxe estamos aquí non pra pedir vinganza, senon XUSTIZA para que a súa morte non quede impune e se investigue ata o final o que pasou esa fatídica noite.

Non pedimos vinganza porque o noso colectivo, o colectivo LGBTIQ sempre estivo por riba do odio. O noso colectivo sempre loitou por acadar unha sociedade máis xusta, máis diversa e igualitaria, libre de todo odio ou violencia. O que vos pedimos, o que vos esiximos, é que tomedes parte, que non deixedes pasar a violencia que vedes acontecer perante vós porque “non vai convosco”. As nosas vidas dependen diso.

Hoxe, unha vaga de solidariedade e reivindicación percorre as rúas de todo o país, arroupadas por compañeiras máis alá das nosas fronteiras, para demandar o fin da violencia contra o noso colectivo, para esixir leis que garantan os nosos dereitos tanto na Galiza como no estado español. A Lei 2/2014, recortada polo Partido Popular e despoxada do carácter punitivo, de recursos, e de seguridade xurídica que garanta o seu cumprimento, é papel mollado que nos deixa completamente desprotexidas. Esiximos a gobernos e institucións o compromiso firme de loitar contra o odio LGBTIfóbico para que isto non volva acontecer nunca máis.

Os discursos de odio e a violencia non poden ter cabida na nosa sociedade. Os crimes de odio non ocorren no baleiro, senón nun contexto social que os permite e fomenta, e este contexto ten responsables políticos.

Despois de décadas de avance social, na actualidade volvemos ver como estes discursos de odio son auspiciados por partidos políticos que teñen representación institucional e que deberían ser ilegalizados. Discursos defendidos tamén por partidos supostamente deesquerdas e progresistas, pero que tiveron unha viraxe profundamente LGBTIfobica. A responsabilidade desta morte e todas as agresións que están a emerxer tamén é súa.

Por último, queremos facer un chamamento ao respecto e apoio polo loito da familia e amizades de Samuel… Samuel era unha persoa inocente, á cal lle roubaron a súa vida polo simple feito de ser. Non esqueceremos o acontecido, seguiremos nas rúas e faremos todo o preciso para que non volvan ocorrer semellantes acontecementos.

Xustiza para Samuel!!!

0 comentarios: