martes, 20 de julio de 2021

Denuncia aos Rexistros Civis por transfobia

 


As persoas trans ven vulnerados os seus dereitos para cambiar o DNI, 

 

[20/07/2021] As persoas trans seguen sometidas á vontade de quen as atende. A Asociación Nós Mesmas, colectivo feminista de defensa dos dereitos das mulleres LBT, denuncia ante a Valedoría do Pobo a forma de proceder transfóbica dos Rexistros Civís ante a solicitude de cambio da mención ao sexo do DNI.

 

No contexto actual no que constantemente vemos nos medios a loita incesante por unha lei trans que despatoloxice e respalde os dereitos que lles corresponden ás persoas trans, estas seguen enfrontándose, a diario, á situacións que vulneran, incluso, os escasos dereitos que están recollidos na lexislación.

 

"Nos últimos meses-- comenta Elisabet Pérez-- representante e educadora social en Nós Mesmas, recibimos varias solicitudes de apoio de mulleres trans que reciben citacións para seren recoñecidas polo médico forense para o cambio da mención ao sexo no seu DNI cando xa cumpren os requisitos establecidos na lei para realizar o cambio. Esta solicitude é totalmente arbitraria, dependendo unicamente da vontade da persoa responsable do Rexistro, e está a acontecer en varios Rexistro Civís de Pontevedra"

 

A lei actual é clara, patoloxizadora, establece que para o cambio á mención ao sexo, deberán aportar informe psicolóxico de disforia de xénero, estable e persistente no tempo e informe de tratamento médico, por doutor/a colexiado, que certifique que a persoa leva, mínimo, dous anos, con tratamento para adecuar as súas características físicas. 

 

Estes requisitos, denuncian desde Nós Mesmas, así como fan todas as entidades e colectivos LGTBI e trans, son patoloxizantes, ignoran a autodeterminación do xénero, poñendo en risco a saúde das persoas trans e imposibilitando a súa inserción social e laboral, de aí a urxencia de verse aprobada a Lei Integral Trans estatal que elimine estes requisitos arcaicos. 

 

"A pesar do cumprimento de estes requisitos--continúa Elisabet-- o Rexistro Civil de Vigo e de Ponteareas continúa a solicitar máis probas e, sen ningunha explicación nin xustificación legal, cita as persoas trans que solicitan esta modificación en medicina forense no IMELGA para que acredite a súa condición. Este trato é denigrante, vulnera todos os dereitos das persoas trans e as sitúa nunha situación de indefensión e desprotección máxima, xa que, de non acudir á cita en medicina forense, o cambio quedaría paralizado cando xa levan máis de dous anos esperando, con ansia, poder concluír este trámite, polo que non lles queda máis opción que asumir a transfobia institucional e ver vulnerados os seus dereitos e a súa dignidade."

 

Desde Nós Mesmas, despois de intentar cambiar esta situación mediando cos Rexistros Civís de Vigo e Ponteareas, sen éxito e no prazo tan corto de tempo antes das citas no IMELGA, presentan hoxe unha denuncia ante a Valedoría do Pobo que espera poña luz sobre unha situación máis de vulneración e discriminación transfóbica.


0 comentarios: