sábado, 26 de abril de 2014

Porque un día como o de hoxe? 26 abril, día da visibilidade lésbica

Esta semana celébrase o Día da Visibilidade Lésbica, un día no que as mulleres lesbianas, algunhas de nós, as que podemos, vémonos na obriga de saír á rúa, unha vez máis, de romper armarios, de ter que VISIBILIZAR cal é a nosa orientación sexual, que nos gustan e nos sentimos atraídas sexual e afectivamente por outras mulleres.

E porque isto é necesario? Porque temos que facer pública unha parte da nosa vida que non lle tería que interesar a ninguén?

Pois porque, aínda agora, o que non se ve non existe. E as mulleres lesbianas, como sempre pasou ás mulleres noutros ámbitos, vivimos na invisibilidade, nas sombras escuras que negan  o noso pracer, o noso desexo…en definitiva, a nosa sexualidade como mulleres libres de decidir.

Unha vez máis, esta invisibilización débese en parte á violencia estrutural á que os gobernos nos tentan someter. Hoxe queremos denunciar a modificación que o Ministerio de Sanidade vai realizar na Carteira de Servizos do Sistema Nacional de Saúde.

Sabemos que non son amigos da autodeterminación das mulleres sobre a súa maternidade e sexualidade, e igual que queren impedirnos que decidamos como e cando queremos ser nais, coa modificación da lei do aborto,  restrínxenos tamén o acceso ás técnicas de Reprodución asistida ás parellas de mulleres e mulleres soas, baixo o criterio machista, inconstitucional e discriminatorio de protexer en exclusividade ás familias compostas por un home e unha muller.

Con esta medida, o Ministerio de Ana Mato só garante a paternidade cando haxa un home de por medio, xa que se el non está presente as mulleres non temos dereito a reprodución asistida na rede pública gratuíta. Con esta aplicación segada da Lei de Reprodución asistida, as mulleres non somos acredoras dun dereito, senón que só o é a súa parella masculina, quedando as mulleres lesbianas totalmente discriminadas da carteira de prestacións comúns do sistema sanitario público.

Son varias as Comunidades Autónomas que xa anunciaron que non vetarán o acceso a ningunha muller a este servizo (Andalucía, Estremadura, Asturias, País Vasco e Canarias), e decidiron aumentar a cobertura dos servizos mínimos para estes casos nos que a Carteira básica é discriminatoria, por iso demandamos hoxe aquí, á Consellería de Saúde da Xunta de Galicia a inclusión das parellas de mulleres e mulleres soas no acceso ás técnicas de Reprodución asistida, rexeitando esa medida discriminatoria do goberno.


Por todo iso e por moito máis, hoxe saíremos á rúa, aquí en Vigo, reivindicando a nosa condición sexual, facéndoa visible e reclamando o que se nos nega, e porque confiamos en que chegue un día en que todo isto xa non sexa necesario. Mentres tanto, contamos con vós mulleres e homes que estades aquí para facer solidaria á sociedade na nosa loita.

26 ABRIL, RÚA DE PRINCIPE ÁS 20H, ACCIÓN REIVINDICATIVA!
BALEIREMOS OS ARMARIOS!


0 comentarios: