Asociación Nós Mesmas

Queda moito por facer para ser Nós Mesmas

Orgullo LGTB Vigo 2018

Nin disfóricas nin incongruentes.

Batukada feminista

Reivindicación

Visibilidade lésbica 2018

Bicada polas rúas do centro Vigo.

venres, 22 de outubro de 2021

MOCIDADE LGTBI+, PRESENTE! Atención, asesoramento, encontros, actividades e moito máis!!

 

Se tes entre 16 e 30 anos, este é o teu espazo!

Un lugar propio onde poder informarte, despexar dúbidas, asesorarte sobre os temas que máis te interesan ou preocupan! Sexualidade, ITS, acoso escolar, tránsito, saída do armario, agresións ou discriminación...pero tamén sobre axudas e programas para mocidade nos que inscribirte, cursos e formación...

Ademais poderás participar nun montón de actividades, obradoiros e encontros que temos preparados, pasalo ben e coñecer máis xente nova! 

Contáctanos! 
Pasa pola sede en R/Torrecedeira, 26, baixo ou chama/whatsapp ao 722286300. Tamén podes enviarnos un correo a nosmesmas@felgtb.org




Programa subvencionado pola: 






mércores, 6 de outubro de 2021

Volta ao cole Curso 2021-2022!

 Coñece as novas propostas que o Equipo de Educación de Nós Mesmas ten preparadas para este novo curso escolar!

Desde Infantil a Formación Profesional, temos claro que a diversidade é un valor que debemos integrar con independencia da idade do noso alumnado, con estas propostas esperamos axudar ao profesorado na sensibilización da diversidade afectiva-sexual, de xénero e familiar e contra a discriminación.

Clica nas imaxes e entra no blog de educación e coñece as propostas desde 2021-2022:



Programa  subvencionado pola: 



martes, 7 de setembro de 2021

Cineastas galegas en Vigo

 


Desde a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo presentan este ciclo de cinema de cineastas galegas, con proxeccións de balde e debate posterior coas directoras.

Os 3 traballos merecen, e moito, a pena, pero tiramos polo que nos toca e queremos destacar e animarvos a acudir o día 22 de setembro ás 20h ao visionado de Persoas S.A. de Carmen Granxeiro e producido por Arelas, asociación de familias de menores trans, e que recolle unha diversa realidade máis alá do cisheteronormativo, unha historia colectiva de recordos, reflexións e amizades dun verán marcado pola pandemia. 





mércores, 25 de agosto de 2021

Obradoiros Pensar o Sexo

 Convidámoste a participar no próximo obradoiro para despedir o verán!

Como cada ano, dende o servizo de atención psicolóxica de Nós Mesmas, organizamos un espazo para o encontro e o crecemento persoal. Desta volta trátase dun convite para pensar o sexo, reflexionar e compartir. Queremos con esta proposta achegar nocións e ideas dende unha educación sexual con sexoloxía que podan ser de utilidade para entendernos, vivir e convivir o máis agusto posible.

Un convite a explorar dende outras miradas o sexo, e isto vai de: identidades, desexos, relacións, proxectos de vida e de convivencia...

Un espazo para encontrarnos e entendernos, mover o corpo e animar as ideas.

Será os xoves días 9, 16, 23 e  30 de setembro, das 17.30 ás 20hs. O lugar está pendente de confirmar, será polo centro de Vigo.

Lembra que hai límite de prazas polo que se tes interese e curiosidade chámanos ou escríbenos para preguntar e inscribirte.

Tlf contacto 722286300

Correo nosmesmas@felgtb.org



 

 

luns, 26 de xullo de 2021

Voluntariado LGTBI+ xuvenil

 

 

O teu tempo e as túas capacidades son moi valiosas e útiles! 
Por iso animámoste a que te sumes ao proxecto de voluntariado xuvenil A mocidade en prol da diversidade!

Se tes entre 16 e 30 anos e queres invertir parte do teu tempo para loitar contra a LGBIfobia, para contribuir en por fin á violencia e a discriminación cara as persoas sexo-diversas e para sensibilizar e visibilizar a realidade LGTBI ante outra xente nova, INSCRÍBETE! 

Este programa, que se desenvolverá de mediados de agosto a outubro, permitirache gañar en coñecemento persoal, coñecer a máis xente nova LGTBI e pasalo ben! 

As accións a realizar serán as de difundir a realidade LGTBI a grupo de mocidade en situación de vulnerabilidade en toda a provincia de Pontevedra. 
Formaremos un pequeno equipo, que recibirá formación previa e estará coordinado pola persoa responsable do voluntariado, xuntes realizaredes diferentes accións de intervención educativa e de sensibilización.

Como voluntarie, contarás cun seguro de voluntariado que cubrirá a túa acción co que estarás protexide e participar non te suporá ningún gasto, xa que, cada día que participes, terás cuberto o desprazamento así como outros gastos que se puideran ocasionar. 

Inscríbete no seguinte formulario e porémonos en contacto contigo para informarche!



Este programa de voluntariado xuvenil está subvencionado pola:





xoves, 22 de xullo de 2021

Ven merendar! próximo xoves 29 de xullo ás 19hs

"Ven merendar!"
 
un espazo no que coñecer-se dende a diversidade de experiencias e procesos identitarios relacionados coa transexualidade.

Se te atopas con líos en relación á identidade e en particular se sintes estar ou estás en situación de transexualidade e che presta coñecer a outras persoas en situación semellante escríbenos a este email ou chámanos ao 722 286 300
 
Será a próxima semana, o xoves 29 de xullo ás 19hs no parque Camilo José Cela, entre a rúa Pi y Margall e a rúa Conde Torrecedeira,
lembra avisarnos para contar contigo.

Un abrazo!


 


martes, 20 de xullo de 2021

Denuncia aos Rexistros Civis por transfobia

 


As persoas trans ven vulnerados os seus dereitos para cambiar o DNI, 

 

[20/07/2021] As persoas trans seguen sometidas á vontade de quen as atende. A Asociación Nós Mesmas, colectivo feminista de defensa dos dereitos das mulleres LBT, denuncia ante a Valedoría do Pobo a forma de proceder transfóbica dos Rexistros Civís ante a solicitude de cambio da mención ao sexo do DNI.

 

No contexto actual no que constantemente vemos nos medios a loita incesante por unha lei trans que despatoloxice e respalde os dereitos que lles corresponden ás persoas trans, estas seguen enfrontándose, a diario, á situacións que vulneran, incluso, os escasos dereitos que están recollidos na lexislación.

 

"Nos últimos meses-- comenta Elisabet Pérez-- representante e educadora social en Nós Mesmas, recibimos varias solicitudes de apoio de mulleres trans que reciben citacións para seren recoñecidas polo médico forense para o cambio da mención ao sexo no seu DNI cando xa cumpren os requisitos establecidos na lei para realizar o cambio. Esta solicitude é totalmente arbitraria, dependendo unicamente da vontade da persoa responsable do Rexistro, e está a acontecer en varios Rexistro Civís de Pontevedra"

 

A lei actual é clara, patoloxizadora, establece que para o cambio á mención ao sexo, deberán aportar informe psicolóxico de disforia de xénero, estable e persistente no tempo e informe de tratamento médico, por doutor/a colexiado, que certifique que a persoa leva, mínimo, dous anos, con tratamento para adecuar as súas características físicas. 

 

Estes requisitos, denuncian desde Nós Mesmas, así como fan todas as entidades e colectivos LGTBI e trans, son patoloxizantes, ignoran a autodeterminación do xénero, poñendo en risco a saúde das persoas trans e imposibilitando a súa inserción social e laboral, de aí a urxencia de verse aprobada a Lei Integral Trans estatal que elimine estes requisitos arcaicos. 

 

"A pesar do cumprimento de estes requisitos--continúa Elisabet-- o Rexistro Civil de Vigo e de Ponteareas continúa a solicitar máis probas e, sen ningunha explicación nin xustificación legal, cita as persoas trans que solicitan esta modificación en medicina forense no IMELGA para que acredite a súa condición. Este trato é denigrante, vulnera todos os dereitos das persoas trans e as sitúa nunha situación de indefensión e desprotección máxima, xa que, de non acudir á cita en medicina forense, o cambio quedaría paralizado cando xa levan máis de dous anos esperando, con ansia, poder concluír este trámite, polo que non lles queda máis opción que asumir a transfobia institucional e ver vulnerados os seus dereitos e a súa dignidade."

 

Desde Nós Mesmas, despois de intentar cambiar esta situación mediando cos Rexistros Civís de Vigo e Ponteareas, sen éxito e no prazo tan corto de tempo antes das citas no IMELGA, presentan hoxe unha denuncia ante a Valedoría do Pobo que espera poña luz sobre unha situación máis de vulneración e discriminación transfóbica.