viernes, 21 de junio de 2013

Nota prensa Orgullo LGTB "Liberdade sen recortes" en Vigo



ASOCIACIÓN NÓS MESMAS presenta e da comezo este domingo 23 os actos do ORGULLO 2013, que en Vigo, baixo o lema “Liberdade sen recortes”, conmemoran o 28 de xuño, Día Internacional de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais e denuncia o trato recibido pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo....(continua)

As actividades programadas iniciaranse o próximo domingo 23 de xuño e rematarán o sábado, 29 de xuño. Os dous actos centrais de Nós Mesmas, a palestra “O xénero na construción da sexualidade” do venres 28 ás 18h na Fed. Eduardo Chao, onde contarán con Teresa Moure, Beatriz Suarez Briones e Alfredo Saborido como relatores, e a manifestación o sábado 29 que sairá ás 19.30h da farola de Urzáiz baixo o lema “Liberdade sen armarios” e que convocan de forma aberta ao resto de colectivos sociais que, como en anos anteriores, respaldan a loita LGTB. A manifestación rematará na Praza da Pedra coa lectura do manifesto por diversas entidades sociais e onde Nós Mesmas organiza unha Festa Diversa coa que festexar a visibilidade lograda nos últimos anos e a revitalización do movemento lgtb na cidade.
Non todo son avances e logros, e ademais de rexeitar os recortes e ataques contra a dignidade das persoas LGTB a asociación quere denunciar as accións do goberno local dende a Concellería de Igualdade, polo acaparamento de espazos propios do colectivo LGTB, propiciando unha desarticulación do movemento e dividindo a forza das reivindicacións pola división e duplicidade de actos que a concellería convoca.
A pesar dos intentos de coordinación por parte de Nós Mesmas coa Concellería, non se logrou o apoio da mesma á programación de actos, organizándose dende o Concello a súa propia grella de actividades e acordouse non duplicar actos nin superpoñer os horarios.
Este “pacto” non foi cumprido pola concellería, que organizou outra festa no Casco Vello e actividades no mesmo horario que as de Nós Mesmas do que a entidade se enterou coa publicación dos cartaces da Concellería.
Dende a asociación Nós Mesmas, Elisabet Pérez como portavoz, declara que “esta situación desvirtúa as reivindicacións do colectivo lgtb, resta forza a loita que se fai día a día e visibiliza un concello que non apoia ao colectivo da súa cidade, preocupado máis polo facer algo que a razón pola que se fai”, continúa “queremos destacar que non temos vinculación cos actos do Concello nin financiamento de ningún tipo, aínda que o noso logo aparece nas programacións da Concellería isto foi acordado nun inicio”.
Nós Mesmas fai un chamamento a toda a poboación galega e moi especialmente a lesbianas, gais, transexuais e bisexuais, para que participen nestes actos e para que se impliquen no respecto de cara ao colectivo lgtb. A discriminación por orientación sexual ou identidade de xénero debe desaparecer.

0 comentarios: