Pola loita dos dereitos das mulleres lesbianas, bisexuais, trans e persoas trans e non binarias.
Queda moito por facer para ser Nós Mesmas
Nin disfóricas nin incongruentes.
Reivindicación
Bicada polas rúas do centro Vigo.
As persoas trans
ven vulnerados os seus dereitos para cambiar o DNI,
[20/07/2021] As
persoas trans seguen sometidas á vontade de quen as atende. A Asociación Nós
Mesmas, colectivo feminista de defensa dos dereitos das mulleres LBT, denuncia
ante a Valedoría do Pobo a forma de proceder transfóbica dos Rexistros Civís
ante a solicitude de cambio da mención ao sexo do DNI.
No contexto actual no que constantemente
vemos nos medios a loita incesante por unha lei trans que despatoloxice e
respalde os dereitos que lles corresponden ás persoas trans, estas seguen enfrontándose,
a diario, á situacións que vulneran, incluso, os escasos dereitos que están
recollidos na lexislación.
"Nos últimos
meses-- comenta Elisabet Pérez-- representante e
educadora social en Nós Mesmas, recibimos varias solicitudes de apoio de
mulleres trans que reciben citacións para seren recoñecidas polo médico forense
para o cambio da mención ao sexo no seu DNI cando xa cumpren os requisitos
establecidos na lei para realizar o cambio. Esta solicitude é totalmente
arbitraria, dependendo unicamente da vontade da persoa responsable do Rexistro,
e está a acontecer en varios Rexistro Civís de Pontevedra"
A lei actual é clara,
patoloxizadora, establece que para o cambio á mención ao sexo, deberán aportar
informe psicolóxico de disforia de xénero, estable e persistente no tempo e
informe de tratamento médico, por doutor/a colexiado, que certifique que a
persoa leva, mínimo, dous anos, con tratamento para adecuar as súas
características físicas.
Estes requisitos, denuncian desde
Nós Mesmas, así como fan todas as entidades e colectivos LGTBI e trans, son
patoloxizantes, ignoran a autodeterminación do xénero, poñendo en risco a saúde
das persoas trans e imposibilitando a súa inserción social e laboral, de aí a
urxencia de verse aprobada a Lei Integral Trans estatal que elimine estes requisitos
arcaicos.
"A pesar do cumprimento
de estes requisitos--continúa Elisabet-- o
Rexistro Civil de Vigo e de Ponteareas continúa a solicitar máis probas e, sen
ningunha explicación nin xustificación legal, cita as persoas trans que
solicitan esta modificación en medicina forense no IMELGA para que acredite a
súa condición. Este trato é denigrante, vulnera todos os dereitos das persoas
trans e as sitúa nunha situación de indefensión e desprotección máxima, xa que,
de non acudir á cita en medicina forense, o cambio quedaría paralizado cando xa
levan máis de dous anos esperando, con ansia, poder concluír este trámite, polo
que non lles queda máis opción que asumir a transfobia institucional e ver
vulnerados os seus dereitos e a súa dignidade."
Desde Nós Mesmas, despois de
intentar cambiar esta situación mediando cos Rexistros Civís de Vigo e
Ponteareas, sen éxito e no prazo tan corto de tempo antes das citas no IMELGA,
presentan hoxe unha denuncia ante a Valedoría do Pobo que espera poña luz sobre
unha situación máis de vulneración e discriminación transfóbica.
MANIFESTO CONCENTRACIÓN 5 DE XULLO
XUSTIZA PARA SAMUEL
Fotografía na concentración de Vigo de AlberteBello
O pasado sábado ás 3 da madrugada un grupo de salvaxes deulle unha malleira ata a morte a Samuel na Coruña. Asasinárono brutalmente. Aínda que estamos agardando a que as investigacións avancen, non podemos ficar calades fronte á morte dunhe des noses.
Samuel era un mozo gay de 24 anos. Podería ter sido eu, poderías ter sido ti, ou calquera das persoas do colectivo LGBTIQ.
Tamén hai apenas unha semana, bateron nunha parella de homes nas rúas da Coruña e de non ser pola veciñanza, a malleira puido ir a máis.
Menos de 24 horas despois do asasinato de Samuel, tivo lugar en Compostela unha agresión a unha muller trans, agresión que podería ter rematado do mesmo xeito de non ser, de novo, pola intervención dunhas veciñas que a presenciaron e decidiron tomar parte.
Todo isto sen esquecer todas as atrocidades que sufreu o colectivo dende o comezo dos tempos; dende agresións e torturas a persoas en específico até os campos de concentración LGTBIQ, demandamos poñerlle fin á violencia.
A pesar do grande número de delitos de odio cara ao colectivo, estes vense invisibilizados pola nube de eufemismos e palabras tabú dos medios de comunicación, aos cales lles pregamos unha maior implicación na visibilización deste tipo de delitos.
Hoxe estamos aquí non pra pedir vinganza, senon XUSTIZA para que a súa morte non quede impune e se investigue ata o final o que pasou esa fatídica noite.
Non pedimos vinganza porque o noso colectivo, o colectivo LGBTIQ sempre estivo por riba do odio. O noso colectivo sempre loitou por acadar unha sociedade máis xusta, máis diversa e igualitaria, libre de todo odio ou violencia. O que vos pedimos, o que vos esiximos, é que tomedes parte, que non deixedes pasar a violencia que vedes acontecer perante vós porque “non vai convosco”. As nosas vidas dependen diso.
Hoxe, unha vaga de solidariedade e reivindicación percorre as rúas de todo o país, arroupadas por compañeiras máis alá das nosas fronteiras, para demandar o fin da violencia contra o noso colectivo, para esixir leis que garantan os nosos dereitos tanto na Galiza como no estado español. A Lei 2/2014, recortada polo Partido Popular e despoxada do carácter punitivo, de recursos, e de seguridade xurídica que garanta o seu cumprimento, é papel mollado que nos deixa completamente desprotexidas. Esiximos a gobernos e institucións o compromiso firme de loitar contra o odio LGBTIfóbico para que isto non volva acontecer nunca máis.
Os discursos de odio e a violencia non poden ter cabida na nosa sociedade. Os crimes de odio non ocorren no baleiro, senón nun contexto social que os permite e fomenta, e este contexto ten responsables políticos.
Despois de décadas de avance social, na actualidade volvemos ver como estes discursos de odio son auspiciados por partidos políticos que teñen representación institucional e que deberían ser ilegalizados. Discursos defendidos tamén por partidos supostamente deesquerdas e progresistas, pero que tiveron unha viraxe profundamente LGBTIfobica. A responsabilidade desta morte e todas as agresións que están a emerxer tamén é súa.
Por último, queremos facer un chamamento ao respecto e apoio polo loito da familia e amizades de Samuel… Samuel era unha persoa inocente, á cal lle roubaron a súa vida polo simple feito de ser. Non esqueceremos o acontecido, seguiremos nas rúas e faremos todo o preciso para que non volvan ocorrer semellantes acontecementos.
Xustiza para Samuel!!!
Todo isto en que se traduce?
Traducese nun grupo aberto e cambiante de persoas, cada unha cos seus propios criterios sobre cales son os temas que máis nos afectan, pero dende o traballo asambleario e horizontal, buscamos puntos en común, respetando as nosas diferencias.
Queremos facer, crear, aportar ideas e accións para erradicar a discriminación que segue existindo contras o colectivo LGTBI, e sobre todo, as mulleres lesbianas, bisexuais e trans na Galiza e no mundo.
Levámolo a cabo mediante accións sociais nacidas e impulsadas por as propias participantes que rachen có patriarcado e o cisheterosexismo social e nos empoderen co fin de rematar coa violencia social e institucionalizada contra as disidencias.
Queremos facer, crear e aportar ideas e accións por que se non nos facemos ver e oír, segueremos sen avanzar, e queda moito camiño por percorrer!!!