🌱 Coidámonos para construír: resumo da primeira sesión de traballo interno
O pasado 16 de maio de 2025, en A Morada (Vigo), celebramos a primeira sesión de traballo interno da nosa asociación no marco do proceso “Coidámonos para construír” guiada por Maio Rosendo. Nesta xornada mergullámonos na análise dos nosos espazos colectivos desde a xeometría grupal, unha ferramenta da Facilitación de Grupos que nos axuda a comprender como se estrutura a nosa organización e como flúe o traballo dentro dela.
🌀 Que observamos?
Durante o exercicio, analizamos os catro espazos dos grupos e identificamos tanto fortalezas como aspectos a mellorar. A reflexión colectiva trouxo á luz varias cuestións importantes:
-
Existe falta de estrutura formal, e boa parte das dinámicas de gobernanza e toma de decisións recaen en espazos informais.
-
O espazo operativo e de toma de decisións é o que máis presenza ten actualmente na asociación.
-
Os espazos de xestión emocional e cohesión, de maneira consciente e estruturada, non están hoxe presentes na nosa dinámica habitual.
Tamén recoñecemos que os obxectivos e valores comúns da asociación están ben asentados: existe un sentir compartido arredor da nosa visión e razón de ser. Porén, vimos que para avanzar con saúde organizacional é esencial coidar tanto os procesos como as persoas que os sosteñen.
💬 Cara a onde imos
A partir deste diagnóstico, o grupo identificou varias necesidades clave:
-
Incorporar máis estrutura formal e métodos consensuados de toma de decisións.
-
Traballar na xestión emocional e relacional entre as integrantes.
-
Seguir indagando e acordando as vías para facer realidade os nosos obxectivos.
Despois dun proceso de reflexión e consenso, decidimos centrarnos na creación dun espazo de xestión emocional e cohesión dentro da estrutura formal da nosa asociación. Entendemos que fortalecer os coidados e as relacións é un paso imprescindible para continuar construíndo colectivamente.
💗 Grazas pola sabedoría colectiva
Esta primeira sesión foi posible grazas á implicación, escoita e sabedoría colectiva de todas as participantes. Queremos parabenizarnos polo camiño compartido e agradecer o esforzo e o compromiso de cada quen co proxecto común que é Nós Mesmas.
Seguimos coidándonos para seguir construíndo 💜
Actividade financiada a través do Convenio de colaboración asinado coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de actividades dirixidas ao colectivo LGTBI.





0 comentarios:
Publicar un comentario