Asociación Nós Mesmas

Queda moito por facer para ser Nós Mesmas

Orgullo LGTB Vigo 2018

Nin disfóricas nin incongruentes.

Batukada feminista

Reivindicación

Visibilidade lésbica 2018

Bicada polas rúas do centro Vigo.

luns, 1 de setembro de 2025

A Diversidade +, comezamos!!



Chega A Diversidade +: un programa gratuíto para acompañar, formar e crear comunidade LGBTI+

En Nós Mesmas empezamos o curso con moita ilusión e cun proxecto que nace para fortalecer aínda máis a nosa comunidade. Presentamos A Diversidade+, un programa gratuíto que se desenvolverá entre setembro e decembro, pensado para ofrecer apoio integral a persoas LGBTI+ e para crear novos espazos de encontro, formación e acompañamento.

🤝 Acompañamento e asesoramento social

Sabemos que navegar a vida sendo parte do colectivo LGBTI+ pode ser complexo, por iso en Diversidade+ ofrecemos asesoramento e acompañamento social personalizado, pensado para resolver dúbidas, orientar en situacións de vulnerabilidade e facilitar recursos que melloren o benestar de cada persoa. Un espazo seguro onde sentirte escoitada, recoñecido e acompañada.

⚖️ Apoio xurídico accesíbel: microformacións e A Avogada Responde

O programa inclúe tamén un itinerario de apoio xurídico, fundamental para entender os nosos dereitos e saber como exercelos.

  • Teremos microformacións breves e prácticas sobre temas legais relevantes para o colectivo.

  • E cada certo tempo realizaremos directos de “A Avogada Responde”, un espazo aberto para facer preguntas e recibir orientación profesional de maneira directa e clara.

☕ Espazos para socializar:  as Tardes de CuirKfé

Sabemos que crear comunidade tamén é crear momentos compartidos. Por iso, unha vez ao mes celebraremos as Tardes de CuirKfé, unha actividade pensada para coñecer xente nova, conversar, compartir vivencias e reforzar vínculos nun ambiente seguro, diverso e acolledor.

⭐ Un programa feito por e para a comunidade

A Diversidade + é un proxecto que quere sumar: sumar apoio, sumar coñecemento e sumar espazos onde sentirnos acompañadas, libres e orgullosas. Todo o programa é totalmente gratuíto, grazas ao compromiso de Nós Mesmas coa construción de redes de coidado reais.

Se formas parte do colectivo LGBTI+ ou queres achegarte á nosa comunidade, estás convidada. Ao longo dos próximos meses iremos anunciando datas e actividades — segue atenta ás nosas redes e ao blog para non perder nada!



Este programa está parcialmente financiado pola:


e pola:




luns, 18 de agosto de 2025

Como nos financiamos?

 


Para poder realizar a labor social que facemos a diario, precisamos recursos, económicos e materiais. Un recurso imprescindible é contar cun espazo onde estar, onde atender, realizar actividades, atoparnos, contar cun espazo seguro...isto é posible pola procura de subvencións que cubren parte do que implica ter un local (aluguer, facturas, seguros...).

Acabamos de coñecer a concesión da axuda dirixida ás asociacións de mulleres para consolidar o movemento asociativo das mulleres galegas, parte da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia. 

Como resultado da convocatoria, contamos cunha subvención de 5000€ aprobada para un gasto executado de 8944,29€-

Cada aportación conta e todas son precisas, podes colaborar asociándote con cotas anuais moi flexibles e cómodas, contáctanos ou asociate directamente no link da parte superior do blog! 

mércores, 2 de xullo de 2025

Obradoiros de verán: como mellorar e reparar as nosas relacións

 En Nós Mesmas poñemos en marcha un ciclo de Obradoiros de Verán pensados para mellorar a saúde relacional a través da comunicación efectiva, a asertividade e a resolución de conflitos.

Sabemos que comunicarse non sempre é doado: ás veces falamos de forma moi brusca ou demasiado pasiva, outras veces calamos o que sentimos por medo a molestar, ou fuximos dos conflitos porque non sabemos xestionalos. Estes obradoiros ofrecen un espazo seguro e práctico no que aprender novas ferramentas e poñelas en práctica xunto a outras persoas.

👉 Os obradoiros serán impartidos pola nosa psicóloga, que acompañará o grupo nun proceso vivencial e dinámico.




📌 Calendario de obradoiros

  • 15 de xullo | Comunicación Non Violenta (CNV) e escoita activa
    Aprende a expresar necesidades e emocións sen xuízos nin agresividade, ao tempo que desenvolves unha escoita máis atenta e empática.

  • 22 de xullo | Asertividade e expresión emocional
    Descubre como comunicarte de forma clara e respectuosa, atopando un equilibrio entre a pasividade e a agresividade.

  • 29 de xullo | Resolución de conflitos
    Integra as aprendizaxes anteriores para afrontar desacordos e conflitos dun xeito construtivo, con confianza e novas estratexias.

📍 Información práctica

  • Horario: de 11:00 a 13:00

  • Lugar: Nós Mesmas, Rúa do Conde de Torrecedeira, 19 baixo

  • Inscricións: prazas limitadas → inscríbete a través do noso Linktree ou escribindo a nosmesmas@felgtbi.org

  • 💡 Non é preciso asistir aos tres obradoiros, pero se participas en todo o ciclo terás unha visión máis completa e integradora.


✨ Un programa para mulleres LBT

Estes obradoiros forman parte do programa “Para Nós: Servizo Integral de Atención a Mulleres LBT”, no que ofrecemos atención psicolóxica, familiar, social, laboral e xurídica a mulleres lesbianas, bisexuais e trans.

📢 O programa está financiado pola subvención a entidades de iniciativa social para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciado pola Unión Europea – Fondos Europeos e a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.




luns, 2 de xuño de 2025

Un día en Familia, apúntate!

 


🌈👨‍👩‍👧‍👦 DÍA EN FAMILIA NO ORGULLO CRÍTICO! 👩‍👩‍👧‍👦🌈

📍 Monte Vixiador
📅 Este domingo, 15.06
🕐 Ás 13:00h (trae o teu xantar!)
🎨 Con actividades para crianzas a cargo de Ludiland!
📝 Con inscrición previa (escíbenos por correo ou clica aquí)

Este domingo no Orgullo Crítico temos planazo no monte! Subimos ao Vixiador para celebrar un espazo de encontro, xogo e afectos con todas as familias diversas e orgullosas. 👣🌿

💬 Porque as familias LGTBI existen, crían, coidan e loitan.
💬 Porque as crianzas tamén teñen dereito a vivir o Orgullo en liberdade, seguridade e alegría.
💬 Porque sen nós tampouco hai futuro.

✨ Contaremos cun espazo de xogos, talleres e actividades para as crianzas mentres compartimos conversa baixo as árbores.

💬 Trae familia, amizades, bebés, crianzas, parellas, redes de coidados ou simplemente ganas de pasar un día de comunidade diversa no monte. Todo suma!

Actividade financiada a través do Convenio de colaboración asinado coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de actividades dirixidas ao colectivo LGTBI.




mércores, 28 de maio de 2025

Obradoiro de Creación para un cine queer independente

 


🎬 Obradoiro de Creación para un Cine Queer Independente
📅 7 de xuño ás 12h | 📍 C.S.A. A Nubeira 


Neste obradoiro imos observar, pensar e aproximarnos a unha maneira de facer cine cuir desde as márxenes. Crearemos a nosa historia con outros referentes audiovisuais e compartiremos có resto este relato.
Un espazo para pensar, observar e achegarnos a unha maneira de facer cinema queer desde as marxes.

Imparte: Festival Euforia

✨ Se tes interese en crear desde o disidente, este é o teu lugar. Actividade con inscrición previa, moi poucas prazas!!! Escríbenos un correo para inscribirte ou clica neste enlace.



Actividade financiada a través do Convenio de colaboración asinado coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de actividades dirixidas ao colectivo LGTBI.



martes, 27 de maio de 2025

Festival Euforia

 


🌈 Festival Euforia – Proxección e coloquio

📅 7 de xuño ás 18h | 📍 Museo MARCO, Salón de actos

Curtametraxes feitas por creadoris trans e non binarie, seguidas dun coloquio coa dirección do Festival Euforia

🎥 Unha mirada cinematográfica desde as disidencias que non vas querer perder.
🎟️ Entrada de balde, reserva previa para control de aforo, reserva a túa entrada clicando aquí.



Actividade financiada a través do Convenio de colaboración asinado coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de actividades dirixidas ao colectivo LGTBI.




venres, 23 de maio de 2025

Coidámonos para construír.

 


🌱 Coidámonos para construír: resumo da primeira sesión de traballo interno

O pasado 16 de maio de 2025, en A Morada (Vigo), celebramos a primeira sesión de traballo interno da nosa asociación no marco do proceso “Coidámonos para construír” guiada por Maio Rosendo. Nesta xornada mergullámonos na análise dos nosos espazos colectivos desde a xeometría grupal, unha ferramenta da Facilitación de Grupos que nos axuda a comprender como se estrutura a nosa organización e como flúe o traballo dentro dela.

🌀 Que observamos?

Durante o exercicio, analizamos os catro espazos dos grupos e identificamos tanto fortalezas como aspectos a mellorar. A reflexión colectiva trouxo á luz varias cuestións importantes:

  • Existe falta de estrutura formal, e boa parte das dinámicas de gobernanza e toma de decisións recaen en espazos informais.

  • O espazo operativo e de toma de decisións é o que máis presenza ten actualmente na asociación.

  • Os espazos de xestión emocional e cohesión, de maneira consciente e estruturada, non están hoxe presentes na nosa dinámica habitual.

Tamén recoñecemos que os obxectivos e valores comúns da asociación están ben asentados: existe un sentir compartido arredor da nosa visión e razón de ser. Porén, vimos que para avanzar con saúde organizacional é esencial coidar tanto os procesos como as persoas que os sosteñen.

💬 Cara a onde imos

A partir deste diagnóstico, o grupo identificou varias necesidades clave:

  • Incorporar máis estrutura formal e métodos consensuados de toma de decisións.

  • Traballar na xestión emocional e relacional entre as integrantes.

  • Seguir indagando e acordando as vías para facer realidade os nosos obxectivos.

Despois dun proceso de reflexión e consenso, decidimos centrarnos na creación dun espazo de xestión emocional e cohesión dentro da estrutura formal da nosa asociación. Entendemos que fortalecer os coidados e as relacións é un paso imprescindible para continuar construíndo colectivamente.

💗 Grazas pola sabedoría colectiva

Esta primeira sesión foi posible grazas á implicación, escoita e sabedoría colectiva de todas as participantes. Queremos parabenizarnos polo camiño compartido e agradecer o esforzo e o compromiso de cada quen co proxecto común que é Nós Mesmas.

Seguimos coidándonos para seguir construíndo 💜



Actividade financiada a través do Convenio de colaboración asinado coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de actividades dirixidas ao colectivo LGTBI.